A patronal quere traballadores con medo mesmo a enfermar.
Cada certo tempo a patronal quítase a máscara e volve mostrar cal é o seu verdadeiro proxecto para a clase traballadora. Non se conforman con obter beneficios millonarios grazas ao esforzo de quen levanta cada día este país. Non lles chega coa precariedade, cos salarios insuficientes, coa temporalidade ou coa perda constante de poder adquisitivo. Queren máis. Queren traballadores sumisos, asustados, agradecidos por conservar un emprego e dispostos a acudir ao seu posto mesmo cando están enfermos.
As últimas declaracións de representantes empresariais e as esixencias formuladas pola CEOE son unha mostra máis desta ofensiva contra os dereitos laborais. Pretenden que as mutuas teñan capacidade para dar altas médicas por enfermidade común e reclaman recuperar o despedimento por absentismo, unha medida que foi derrogada en 2020 pola súa enorme inxustiza e polo grave prexuízo que supuña para milleiros de traballadores.
Non é casualidade. Detrás destas propostas existe unha visión profundamente clasista da sociedade. Para a patronal, o traballador ideal é aquel que non protesta, que non se organiza sindicalmente, que acepta calquera condición e que continúa producindo mesmo cando a súa saúde está deteriorada. Un traballador enfermo non é visto como unha persoa que precisa recuperarse, senón como un problema para a conta de resultados.
Resulta especialmente indignante escoitar responsables empresariais chamar “memos” a mozos e mozas que sofren baixas relacionadas coa saúde mental. Como se a ansiedade, a depresión ou o esgotamento psicolóxico fosen caprichos. Como se as condicións de vida actuais, a incerteza laboral, a precariedade, os problemas de acceso á vivenda ou a presión constante non tivesen consecuencias sobre a saúde de millóns de persoas.
O que estamos a ver é unha criminalización sistemática da enfermidade. Inténtase instalar a idea de que quen está de baixa é un sospeitoso, un potencial defraudador ou un privilexiado que quere aproveitarse do sistema. É a mesma estratexia de sempre: enfrontar os traballadores entre si para ocultar os verdadeiros responsables dos problemas.
A realidade é que ninguén escolle enfermar. Ninguén decide pasar semanas ou meses recuperándose dunha lesión, dunha enfermidade grave ou dun trastorno psicolóxico. Porén, desde determinados sectores políticos e empresariais insístese en presentar as baixas médicas como un abuso e non como un dereito fundamental ligado á protección da saúde.
Obrigar unha persoa a regresar ao seu posto de traballo sen estar plenamente recuperada, baixo a ameaza de perder ingresos ou mesmo de ser despedida, constitúe unha agresión directa contra a súa dignidade e contra a súa integridade física. Isto provoca recaídas, cronifica enfermidades, multiplica os riscos laborais e acaba afectando tamén ás familias traballadoras. Detrás de cada estatística hai persoas reais que sofren as consecuencias destas políticas.
Os dereitos laborais non foron un agasallo de ningún empresario nin de ningún goberno benevolente. Foron conquistados mediante décadas de loita sindical, mobilizacións, folgas, sacrificios e mesmo represión. Custaron sangue, suor e bágoas a xeracións enteiras de traballadores e traballadoras. Por iso resulta tan indignante escoitar hoxe a quen pretende retroceder máis dun século en materia de dereitos sociais.
A saúde dun pobo non pode estar subordinada aos balances empresariais nin aos obxectivos de aforro de quen só ve números onde debería ver persoas. Unha sociedade decente protexe a quen enferma; non o persegue nin o castiga.
Frente a esta nova ofensiva patronal, a resposta debe ser clara. Máis organización, máis conciencia de clase e máis mobilización. Hai que defender a sanidade pública, fortalecer os dereitos laborais e rexeitar calquera intento de converter a enfermidade nunha causa de despedimento ou nun motivo de sospeita.
Porque cando a patronal fala de flexibilidade, normalmente está a falar dos nosos dereitos. Cando fala de eficiencia, adoita referirse a recortes. E cando fala de absentismo, moitas veces está sinalando traballadores que simplemente teñen a desgraza de estar enfermos.
A clase traballadora non precisa medo. Precisa dereitos, protección e dignidade. E eses dereitos só se conservarán se somos capaces de defendelos coa mesma determinación coa que foron conquistados. Porque, unha vez máis, vainos a saúde, vainos a dignidade e vainos a vida nisto.
A historia demostra que ningún dos dereitos dos que hoxe gozamos chegou pola boa vontade de quen concentraba o poder económico ou político. A xornada de oito horas, as vacacións pagadas, a seguridade social, a negociación colectiva ou o dereito á baixa médica foron conquistas logradas grazas á organización e á loita de xeracións de traballadores e traballadoras.
Máis alá das diferenzas ideolóxicas que poidan existir entre unhas persoas e outras, aspirar a un mundo máis xusto significa defender a dignidade humana, combater a explotación, reducir as desigualdades e garantir que ninguén quede abandonado por motivos económicos, sociais ou de saúde.
André Abeledo Fernández

