A patronal quere traballadores sen dereitos, sen saúde e sen dignidade
Cada certo tempo a patronal quítase a máscara. Ocorre cando algún dos seus representantes, créndose impune, di en voz alta o que moitos deles pensan en privado. É entón cando descubrimos que detrás dos discursos sobre a modernización, a innovación ou a responsabilidade social empresarial segue agachada unha vella mentalidade reaccionaria que considera os dereitos laborais un obstáculo e aos traballadores pouco máis ca unha ferramenta para xerar beneficios.
As recentes declaracións de Ángel Nicolás, presidente da Confederación de Empresarios de Castela-A Mancha (CECAM) e destacado dirixente da CEOE, son un magnífico exemplo disto. O empresario decidiu cargar contra a mocidade, contra as baixas médicas e contra a saúde mental, cualificando os mozos e mozas de «parvos» e afirmando que van ao médico «cando os deixa a noiva» ou que pretenden «traballar catro horas e cobrar 3.000 euros».
Máis alá da falta de respecto e da caricatura grotesca que intenta construír sobre toda unha xeración, as súas palabras revelan algo moito máis preocupante: o desprezo absoluto cara á realidade de millóns de traballadores e traballadoras.
Porque a saúde mental non é un capricho. A ansiedade, a depresión, o estrés laboral ou o esgotamento psicolóxico non son inventos dunha xeración feble, como pretenden algúns nostálxicos doutros tempos. Son problemas reais, recoñecidos pola comunidade científica e polos profesionais sanitarios. Problemas que afectan cada vez a máis persoas nun mundo laboral marcado pola precariedade, os baixos salarios, a incerteza permanente e as dificultades para acceder a unha vivenda ou construír un proxecto de vida.
Cando un traballador necesita unha baixa médica non está gozando dunhas vacacións pagadas. Está enfermo. E cando un médico concede esa baixa faino seguindo criterios profesionais e éticos, non por capricho nin porque alguén a solicite por teléfono. Atacar as baixas médicas supón cuestionar o labor dos profesionais sanitarios e atacar directamente o dereito á saúde.
Porén, a patronal leva anos desenvolvendo unha estratexia moi concreta. Falan constantemente de «absentismo» mesturando deliberadamente conceptos completamente distintos. Non é un erro. Non é unha confusión. É unha manobra política e ideolóxica.
O absentismo inxustificado existe e debe combatirse. Ninguén discute iso. Pero cando a patronal fala de absentismo mete no mesmo saco a quen falta ao traballo sen xustificación e a quen está de baixa por enfermidade, a quen goza dun permiso de maternidade ou paternidade, a quen coida dun familiar dependente ou a quen exerce dereitos recoñecidos pola lexislación laboral.
A diferenza é fundamental.
As baixas médicas, os permisos retribuídos, a maternidade, a paternidade ou o coidado de familiares non son absentismo no sentido negativo que pretende transmitir a patronal. Son dereitos. Son conquistas sociais obtidas tras décadas de loita sindical e obreira. Son mecanismos que fan unha sociedade máis humana, máis xusta e máis igualitaria.
Poñerse enfermo non é unha elección.
Ter que coidar dun fillo ou dunha filla non é un privilexio.
Atender a un familiar dependente non é un capricho.
Exercer o dereito á maternidade ou á paternidade non é unha concesión graciosa dos empresarios.
Son dereitos fundamentais.
Por iso resulta especialmente preocupante comprobar como dirixentes políticos da dereita e da extrema dereita se aliñan con este discurso. Presidentes autonómicos como Alfonso Rueda en Galicia, o Partido Popular ou VOX repiten unha e outra vez os argumentos da gran patronal. Defenden os intereses de quen añora os tempos nos que o traballador debía agradecer calquera emprego, por precario que fose, e aceptar calquera abuso sen rechistar.
Detrás da suposta loita contra o absentismo escóndese en realidade un ataque frontal aos dereitos laborais.
Cuestiónanse as baixas médicas.
Presiónase aos profesionais sanitarios.
Inténtase limitar a conciliación familiar.
Criminalízase a quen coida dos seus fillos ou dos seus familiares.
Desprézase a saúde mental.
Normalízase a idea de que traballar enfermo é unha mostra de compromiso.
E preténdese que os traballadores renuncien pouco a pouco a dereitos que custaron décadas de mobilización e sacrificio conquistar.
Non é casualidade que os mesmos sectores que atacan estes dereitos admiren modelos ultraliberais como o de Javier Milei na Arxentina. O seu obxectivo é converter o traballo nunha simple relación de forza onde o empresario teña todo o poder e o traballador careza de protección fronte á enfermidade, á maternidade, á incapacidade temporal ou a calquera circunstancia persoal.
Queren unha sociedade onde os beneficios empresariais estean por enriba das persoas.
Onde a produtividade valla máis ca a saúde.
Onde a rendibilidade importe máis ca a dignidade humana.
Por iso a batalla contra esta ofensiva patronal non é unicamente unha cuestión laboral. É unha cuestión democrática e de xustiza social. Defender o dereito a unha baixa médica é defender a saúde. Defender a conciliación familiar é defender a igualdade. Defender a maternidade, a paternidade e o coidado de familiares é defender a humanidade fronte a quen só entende de balances de resultados.
Cando a patronal ataca o que chama «absentismo», en realidade está atacando moito máis ca unhas estatísticas. Está atacando os dereitos fundamentais da clase traballadora.
E fronte a quen soña con devolvernos ao século XVIII ou ás relacións laborais do franquismo, a resposta debe ser clara: nin un paso atrás nos dereitos conquistados.
André Abeledo Fernández

