A URSS: a historia que os vencedores prefiren que esquezamo
Cada vez que se fala da Unión Soviética parece existir unha obriga non escrita: comezar pedindo perdón por falar dela. Como se calquera análise que non sexa unha condena absoluta fose un acto de herexía política.
Non ocorre o mesmo cando se fala do capitalismo. Ninguén esixe comezar lembrando o colonialismo, a escravitude, as guerras polo petróleo, as ditaduras financiadas por Occidente ou os millóns de mortos provocados pola fame nun planeta que produce alimentos suficientes para toda a humanidade. Esa asimetría xa di moito sobre quen gañou a batalla do relato.
A historia escríbena os vencedores. E os vencedores da Guerra Fría foron as grandes potencias capitalistas, os grandes grupos económicos e un inmenso aparello cultural capaz de converter a súa versión dos feitos na única aparentemente aceptable. Hollywood, os grandes medios de comunicación e mesmo boa parte da academia contribuíron durante décadas a construír unha imaxe simplificada da URSS na que só caben o gulag, a represión e o fracaso.
Non se trata de negar os erros nin os episodios máis escuros da experiencia soviética. Sería un exercicio tan deshonesto como ocultar os crimes do capitalismo. Trátase, simplemente, de esixir rigor histórico e contexto.
Porque os procesos históricos non poden xulgarse coma se acontecesen nun laboratorio illado do mundo. A Unión Soviética naceu tras unha guerra mundial, sobreviviu a unha guerra civil alimentada por catorce potencias estranxeiras, sufriu bloqueos, sabotaxes, illamento económico e acabou soportando o maior peso da guerra contra o nazismo. Pretender analizar moitas das súas decisións ignorando ese contexto é unha forma máis de manipulación.
Desde a esquerda tamén deberiamos ser especialmente coidadosos. Á dereita sóbranlle propagandistas dispostos a demonizar calquera experiencia socialista. Tamén lle sobran historiadores dispostos a prostituír a historia para xustificar o presente. A nosa obriga non consiste en repetir ese discurso cunha linguaxe aparentemente progresista, senón en realizar unha crítica honesta, equilibrada e materialista.
Porque unha crítica xusta non consiste unicamente en enumerar erros. Tamén esixe recoñecer os avances.
E os avances foron enormes.
A Unión Soviética converteu un inmenso territorio atrasado e maioritariamente analfabeto nunha potencia científica, industrial e tecnolóxica en apenas unhas décadas. Implantou a sanidade pública universal, a educación gratuíta, o acceso garantido á vivenda, o pleno emprego, sistemas avanzados de protección social, a igualdade xurídica entre mulleres e homes e unha Constitución que recoñecía mesmo o dereito de autodeterminación das repúblicas que a integraban.
Mentres boa parte do mundo seguía considerando ás mulleres cidadás de segunda categoría, a URSS impulsaba a súa incorporación masiva á educación superior, á investigación científica, á enxeñaría, á medicina, á administración pública e mesmo á exploración espacial.
Mentres millóns de persoas en Occidente carecían de asistencia sanitaria, a sanidade soviética era un dereito garantido.
Mentres en numerosos países o analfabetismo seguía sendo unha realidade cotiá, a alfabetización acadaba niveis practicamente universais.
E mentres o capitalismo atravesaba crises cíclicas de desemprego masivo, o traballo era considerado un dereito e unha obriga social.
Nada diso desaparece porque existisen erros. Do mesmo xeito que ninguén invalida todos os avances científicos dos Estados Unidos polas guerras que promoveu durante décadas.
Hai ademais un episodio que simboliza mellor ca ningún outro a achega internacional da Unión Soviética e que rara vez aparece nos libros de historia: a erradicación mundial da varíola.
Poucas persoas coñecen o nome de Viktor Zhdanov. Porén, millóns de seres humanos débelle indirectamente a vida. Foi el quen presentou ante a Organización Mundial da Saúde o ambicioso plan para eliminar definitivamente unha enfermidade que durante séculos matou e mutilou millóns de nenos e nenas.
A proposta parecía imposible. Nunca antes a humanidade conseguira erradicar unha enfermidade infecciosa.
A URSS non só impulsou o proxecto. Fabricou millóns de doses de vacinas, mobilizou milleiros de profesionais sanitarios e deixou claro que continuaría adiante mesmo se o resto do mundo non colaboraba. Finalmente, a OMS aprobou o programa e, tras quince anos de cooperación internacional, a varíola desapareceu para sempre do planeta.
Millóns de vidas salvadas.
Cantas veces se lembra este feito cando se fala da Unión Soviética?
Moi poucas.
Tampouco adoita lembrarse que foi o Exército Vermello quen soportou o peso principal da derrota do nazismo. Aproximadamente o setenta por cento das perdas militares alemás producíronse na fronte oriental. Máis de vinte e catro millóns de cidadáns soviéticos perderon a vida para derrotar a Hitler.
Con todo, a cultura popular conseguiu instalar a idea de que a Segunda Guerra Mundial foi gañada case exclusivamente polos Estados Unidos.
Tamén convén lembrar outro feito que desmonta moitos discursos.
En marzo de 1991 os cidadáns soviéticos foron consultados mediante referendo sobre a continuidade da Unión Soviética.
Máis do 76 % votou a favor de mantela.
Non foi unha enquisa.
Foi unha consulta democrática.
E aquela vontade popular foi ignorada.
Poucos meses despois, Boris Ieltsin e outros dirixentes liquidaban a URSS contra o resultado expresado pola maioría da poboación. O que veu despois foi unha das maiores transferencias de riqueza pública cara a mans privadas de toda a historia contemporánea. Privatizacións masivas, aparición dos oligarcas, afundimento da esperanza de vida, pobreza, desemprego e desigualdade marcaron a década dos noventa.
Por iso millóns de persoas seguen lembrando con nostalxia aquela etapa.
Non necesariamente porque crean que todo foi perfecto.
Senón porque comparan dous modelos distintos de sociedade.
Comparan a seguridade coa incerteza.
O dereito ao traballo coa precariedade.
A vivenda garantida coa especulación inmobiliaria.
A educación pública coa súa mercantilización.
A sanidade universal cos recortes.
Existe un vello chiste ruso que resume perfectamente esa experiencia:
««O problema non é que o Partido Comunista nos mentise sobre o comunismo; o problema é que nos dicía a verdade sobre o capitalismo e non o quixemos crer».»
Despois de varias décadas de capitalismo sen contrapesos, millóns de traballadores en todo o mundo comproban que moitas daquelas advertencias non eran propaganda, senón unha descrición bastante precisa de como funciona un sistema baseado en converter dereitos en mercadorías e persoas en beneficios.
Mesmo Vladímir Putin, cuxo proxecto político nada ten que ver co socialismo, recoñeceu unha realidade difícil de negar cando afirmou que quen non bota de menos a Unión Soviética non ten corazón.
Como comunistas, discrepamos da segunda parte da súa frase. Precisamente porque temos memoria histórica e conciencia de clase sabemos que o mundo perdeu moito coa desaparición do primeiro Estado socialista da historia.
A súa existencia obrigou durante décadas ao capitalismo a realizar concesións que hoxe están a ser desmanteladas. A expansión da sanidade pública, dos dereitos laborais, dos sistemas de pensións, da negociación colectiva ou do Estado do benestar non poden entenderse sen a presión que exercía a existencia dun modelo alternativo.
A desaparición da URSS debilitou enormemente á clase traballadora internacional.
Por iso resulta profundamente inxusto reducir toda a súa historia a unha lista de erros coidadosamente amplificados por quen nunca analiza co mesmo rigor as traxedias provocadas polo capitalismo.
A Unión Soviética non foi perfecta.
Ningún proceso histórico o é.
Pero foi, probablemente, o maior salto adiante que a clase traballadora protagonizou na historia contemporánea. Demostrou que era posible alfabetizar pobos enteiros, universalizar a sanidade, garantir o emprego, derrotar o fascismo, impulsar a ciencia, conquistar o espazo, erradicar enfermidades e situar a dignidade humana por riba do beneficio privado.
Esa tamén é a historia da URSS.
E quen pretende borrala non busca comprender o pasado.
Busca impedir que as novas xeracións imaxinen un futuro diferente.
Porque os pobos poden ser derrotados. Poden ser enganados. Incluso poden ser traizoados.
Pero mentres exista explotación, seguirá existindo a posibilidade de construír unha alternativa.
E a esperanza, por moitas derrotas que acumule, sempre acaba atopando o camiño para volver.
André Abeledo Fernández

