Recuperar o municipalismo dende abaixo
Por André Abeledo Fernández
Vivimos un tempo de profundo desencanto coa política municipal. Cada vez son máis os veciños e veciñas que senten que, goberne quen goberne, as decisións importantes xa están tomadas de antemán. A participación cidadá redúcese con demasiada frecuencia a depositar unha papeleta cada catro anos, mentres a vida política queda en mans dos aparellos dos partidos, de estratexias deseñadas dende arriba e de profesionais da política cada vez máis afastados da realidade cotiá.
Pasou o tempo das sopas de siglas sen ideoloxía, sen proxecto e sen rumbo. Tamén debería pasar o tempo duns partidos excesivamente pendentes das directrices das súas direccións nacionais e demasiado pouco preocupados por escoitar a quen vive nos seus concellos.
Lembro como, nos primeiros anos da democracia, xurdiron en moitos municipios candidaturas independentes formadas por veciños e veciñas cun único obxectivo: traballar para mellorar o seu concello. Non aspiraban a facer da política unha profesión nin a construír unha carreira persoal. Entendían o cargo público como un servizo temporal á comunidade e non como unha forma de gañarse a vida.
Co paso dos anos, aquela ilusión foi deixando paso a unha política cada vez máis profesionalizada. Mesmo moitas iniciativas que naceron coa promesa de renovar a vida pública acabaron reproducindo os mesmos vicios que dicían combater. Organizáronse procesos supostamente abertos e asemblearios que, en demasiadas ocasións, remataron sendo simples reparticións de cotas de poder entre organizacións políticas xa existentes.
Precisamos unha verdadeira rexeneración democrática. Non baseada unicamente en cambiar unhas siglas por outras, senón en recuperar o protagonismo da cidadanía. A política municipal debe volver estar en mans de persoas honestas, con vocación de servizo público e enraizadas na realidade dos seus barrios e dos seus pobos.
Porque tamén existe un clasismo dentro da propia política. Parece asumirse con naturalidade que quen traballa nunha fábrica, nun supermercado, nunha obra, nun hospital ou conducindo un autobús ten enormes dificultades para participar en igualdade de condicións na vida institucional. Os horarios, a precariedade, o medo ás represalias laborais e as dificultades para conciliar converten a representación política nun camiño moito máis accesible para quen xa dispón de tempo, recursos ou redes de poder.
Ese é un dos grandes déficits da nosa democracia. Fálase continuamente en nome da clase traballadora, pero poucas veces se permite que sexa a propia clase traballadora quen ocupe os espazos de representación. Aínda persiste a idea, moitas veces inconsciente, de que gobernar corresponde a unha minoría especialmente preparada, mentres a maioría debe limitarse a votar e aceptar as decisións tomadas por outros.
Porén, a democracia non pode reducirse a un procedemento electoral limpo. A democracia será plenamente democrática cando calquera traballador ou traballadora poida representar os seus veciños sen poñer en risco o seu emprego, a súa economía familiar ou o seu proxecto de vida.
Estou convencido de que hoxe existe unha maioría silenciosa que non se sente representada nin polos gobernos municipais nin por boa parte das oposicións. Ese descontento non debería conducir á resignación, senón á organización. Debemos recuperar un municipalismo nacido dende abaixo, construído por veciños e veciñas comprometidos co ben común, onde as persoas estean por riba das siglas e o servizo público por riba das carreiras políticas.
Os concellos foron sempre a institución máis próxima á cidadanía. É precisamente aí onde pode comezar tamén a rexeneración democrática que o noso país precisa. Non chegará dende os despachos nin dende as direccións dos partidos. Chegará cando a xente común decida volver tomar as rendas da política dos seus pobos.
Está nas nosas mans facelo realidade.

