O petróleo, a bandeira e o látego: Groenlandia e Ceuta, dúas caras da mesma sumisión
Mentres o imperio norteamericano ensaia en Groenlandia a súa vella gramática colonial —desembarcar equipos antes de asinar permisos, impor feitos consumados antes de negociar soberanías—, no sur de Europa a extrema dereita continental afía os mesmos coitelos contra España. Non é casualidade. É a mesma lóxica de dominación aplicada a dous escenarios distintos: alá ocúpase territorio alleo con contedores e sondas; aquí ameázase con expulsar a un Estado membro das súas propias estruturas de integración por non saber —ou non querer— facer de muro fronteirizo para o imperio e o seu vasalo sionista.
Groenlandia: o feito consumado como método imperial.
O Goberno de Nuuk dixo-o coa contundencia de quen xa non pode fingir sorpresa: Greenland Energy, empresa texana vinculada ao entorno de Donald Trump, desembarcou equipos de perforación na costa oriental da illa sen autorización vixente. O material —centos de contedores trasladados desde Tasiilaq até Nerlerit Inaat— apunta á rexión de Jameson Land, onde a compañía calcula reservas de cru por valor dun billón de dólares. Groenlandia deixou de conceder licenzas petroleiras en 2021 por razóns ambientais, e os pozos previstos sitúanse, segundo denunciou o medio de investigación danés Danwatch, nunha zona protexida polo Convenio de Ramsar sobre humidais. Nada disto freou o calendario: a empresa prevé que un buque zarpe de Canadá o 12 de setembro con 300 contedores máis, e que a primeira perforación arranque en outubro.
Non fai falta inventar tramas ocultas para ver o patrón: converxe neste proxecto un doante republicano, un ex-presentador televisivo convertido en activo político —Phil McGraw, o tristemente célebre «Dr. Phil»— e un veterano da Mariña estadounidense vinculado ao programa de defensa antimísiles Golden Dome. Que Larry Swets, presidente de Greenland Energy, se apresure a negar calquera relación coas aspiracións anexionistas de Trump sobre Groenlandia só confirma que o desmentido é xa, en si mesmo, parte do guión. Dous días despois de coñecerse o desembarco sen permiso, Trump publicou en Truth Social unha imaxe súa cerníndose ameazante sobre un poboado groenlandés. A coincidencia temporal fala máis ca calquera comunicado de prensa.
Isto é o imperialismo do século XXI: xa non precisa tanques nin cañoneiras, abóndalle cunha empresa privada, un baleiro regulatorio e a certeza de que o Estado-nación agredido —aínda que sexa escudo autónomo dunha potencia da OTAN coma Dinamarca— carecerá da forza real para reverter o feito consumado unha vez executado. Groenlandia pode emitir cantas «advertencias firmes» queira; o petróleo, mentres tanto, segue o seu curso cara a Jameson Land.
Ceuta: a extrema dereita europea ao servizo do mesmo amo.
E mentres o imperio ensaia no Ártico a súa vella fórmula da ocupación silandeira, no sur de Europa os seus vasalos fan o traballo sucio doutra maneira: convertendo unha traxedia humana —decenas de mortos na fronteira de Ceuta— en munición política contra España. A primeira ministra danesa, Mette Frederiksen, e a ministra do Interior finlandesa, Mari Rantanen, sumáronse sen pudor á proposta de Giorgia Meloni de estudar a suspensión de España do espazo Schengen. Frederiksen, que se presenta como socialdemócrata, non dubidou en pedir que a UE «considere todas as opcións, incluída a suspensión da cooperación de Schengen». Rantanen foi máis lonxe, acusando directamente a España de «fracasar por completo» na protección da fronteira exterior e sentenciando que os países que non cumpran esa función non poden seguir no club.
Que sexa precisamente a dereita italiana de Meloni quen marque o paso, e que socialdemócratas nórdicos corran a aplaudir, retrata con precisión cirúrxica o estado da socialdemocracia europea: baleirada de contido de clase, convertida en administradora dócil das fronteiras que o capital e o imperio lle esixen xestionar. Non defenden os seus pobos, non defenden nin sequera unha idea de Europa social; obedecen. E quen obedece desa maneira —arrastrándose ante Washington e ante Tel Aviv, aliñándose coa extrema dereita italiana en vez de co país agredido por unha traxedia migratoria— non pode reclamar ningunha superioridade moral fronte a Vox ou Fratelli d’Italia. É a mesma extrema dereita, só que con outro nome na papeleta.
Dous escenarios, unha soa arquitectura de poder.
Groenlandia e Ceuta non son casos illados: son a mesma arquitectura de dominación imperial vista desde dous ángulos. No Ártico, o capital estadounidense —con Trump como ariete político e empresas privadas como punta de lanza— avanza sobre un territorio que non lle pertence, sen agardar nin papeis nin permisos. No Mediterráneo, os aliados europeos dese mesmo bloque atlantista e sionista presionan para castigar a España, non por ter fallado en solidariedade humana, senón por non se aliñar coa suficiente rapidez coa política de fronteiras pechadas que esixe o imperio ante a crise migratoria que as súas propias guerras e espolios coloniais no Magreb e no Sahel contribuíron a producir.
A lección para a clase traballadora e os pobos de Galicia e do Estado español é a mesma en ambos os fronts: nin o multilateralismo liberal nin a Unión Europea nos van a protexer destas dinámicas. Só a organización popular, a soberanía real dos pobos e a ruptura coa lóxica de bloques imperialistas —sexa o que ocupa Groenlandia polo petróleo ou o que ameaza a España por non facer de muro— poden ofrecer unha saída que non sexa, unha vez máis, a sumisión.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

