A dignidade non se compra: de Chávez secuestrado en 2002 a Maduro secuestrado en 2026
Cando un patriota está á fronte dunha nación, cando de verdade ama o seu pobo e defende a súa soberanía, nótase. Nótase nos xestos, nas palabras, en como se comporta cando todo está perdido e só queda a dignidade. Iso é o que nos ensinou, dúas veces en vinte e catro anos, a Revolución Bolivariana.
2002: a primeira lección.
En abril de 2002, tras o golpe de Estado, secuestraron a Hugo Chávez e presionárono para que asinase a súa renuncia. Non asinou. Estaba disposto a morrer antes ca traizoar o seu pobo. E o seu pobo, camaradas, non quedou na casa: saíu ás rúas, rodeou Miraflores, e o seu propio exército, o exército do pobo, foi rescatalo. A revolución non morreu naquel golpe porque un home se negou a axeonllarse e un pobo enteiro se negou a abandonalo.
2026: a mesma dignidade, outro secuestro.
Nicolás Maduro foi secuestrado, maltratado, sacado do seu país cos ollos vendados e as mans atadas, xunto á primeira dama Cilia Flores. E fíxoo coa mesma dignidade có seu comandante en 2002. En ningún momento pediu clemencia. Perante o circo que nos Estados Unidos chaman tribunal, sostivo que é inocente, que foi secuestrado nun acto de guerra, e que segue sendo o presidente lexítimo de Venezuela. Nin unha palabra de submisión. Nin un xesto de humillación.
Esa é a diferenza, camaradas, entre quen de verdade cre no que di e está disposto a loitar e morrer polos seus ideais, e o resto: os que gobernan de xeonllos perante Washington, os que confunden a política co negocio propio, os que nunca puxeron en xogo nada polos seus pobos.
Os que xamais coñecerán esa dignidade.
Estou convencido de que esa dignidade non a coñecen nin Donald Trump, nin Javier Milei, nin Santiago Abascal, nin Feijóo, nin Ayuso, nin Benjamín Netanyahu, nin practicamente ningún mandatario da dereita neste planeta. Moi poucos, na política actual, saben o que é sosteren unha convicción cando sostela custa a liberdade, a comodidade ou a propia vida. E é unha mágoa —unha auténtica vergonza histórica— que xente moitísimo peor ca Chávez e Maduro dedicase a súa enerxía a intentar destruílos persoalmente, a manchar o seu legado, a borrar da memoria dos pobos o que representan.
Non o van conseguir. Poden secuestrar un home, poden encerralo, poden humillalo nun tribunal amañado, mais non poden secuestrar unha idea que xa xerminou en millóns de conciencias. A Revolución Bolivariana é semente, e as sementes, cando xa arraigaron na terra dun pobo, non as arrinca ningún imperio.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

