Neda sen auga: a seca non é a escusa, é a deixadez
Esta mañá, moitos veciños e veciñas de Neda levantáronse da cama para descubrir que non había nin unha pinga de auga. Nin para beber, nin para cociñar, nin para lavarse. Nada. A auga da traída, sinxelamente, non chegaba ás súas casas, e ninguén do Concello se molestou en avisar antes de que a xente se atopase coa billa seca.
Cando chamei para preguntar que estaba a pasar, unha funcionaria explicoume que a causa era a seca, que a auga non chega ás zonas altas do concello. A seca. Coma se a seca fose unha sorpresa. Coma se non existise todos os veráns dende hai anos.
Estamos a rematar o mes de agosto, non é a primeira semana de xullo: o nivel dos depósitos xa tiña que estar moi baixo dende hai un mes, dende hai quince días, dende hai dous meses. Isto non se evaporou dun día para outro. Isto é exactamente o que pasa cando non hai previsión, cando non hai ninguén pendente do día a día do Concello, nin dende a parte política nin dende a parte técnica da empresa responsable da auga.
E, polo que parece, o Concello xa coñecía dende hai días que existía un problema de escaseza de auga. Se isto é así, a pregunta é inevitable: ¿por que non se convocou hai días unha reunión extraordinaria e urxente para analizar a situación e establecer un protocolo de actuación ante a posibilidade de que a traída non puidese garantir o subministro ás vivendas?
Porque unha cousa é enfrontarse a unha emerxencia imprevista e outra moi distinta é coñecer con antelación que existe un problema e agardar a que a auga deixe de chegar ás casas para comezar a buscar solucións.
Unha Administración responsable ten que anticiparse. Se os depósitos estaban baixando e se sabía que o subministro podía verse comprometido, había que decidir con antelación que facer, como garantir o abastecemento, onde levar auga, como distribuíla e, sobre todo, como facela chegar ás persoas que teñen máis dificultades para desprazarse.
E aquí hai outro aspecto que parece que tampouco se tivo suficientemente en conta: a realidade demográfica e territorial de Neda.
Neda non é só o núcleo urbano. Unha parte importante da súa poboación vive no rural, en parroquias e lugares dispersos. E moitas desas persoas son maiores. Hai veciños e veciñas de 70, 80 e mesmo 90 anos para os que desprazarse ata un determinado punto do concello para recoller auga non é algo sinxelo.
Se a solución que se formula é colocar camións cisterna en determinados puntos e agardar que cada veciño se desprace ata eles cunha garrafa, haberá que preguntarse seriamente se iso é realmente unha solución.
Unha garrafa de auga pode servir para beber durante un tempo, pero non resolve as necesidades básicas dunha familia durante todo un día. Non serve para cociñar, beber e manter unhas mínimas condicións de hixiene con normalidade. E moito menos pode considerarse unha solución adecuada para unha persoa maior que vive soa e que quizais nin sequera poida desprazarse ata o lugar onde se atope o camión.
¿De verdade imos dicirlle a unha persoa de 80 ou 90 anos que, ademais de quedar sen auga na súa casa, ten que baixar ata determinado punto cunha garrafa para poder conseguila?
Iso non é garantir o abastecemento. É trasladar o problema dende a tubaxe ata o cidadán.
E, mentres tanto, que fai o Concello? Reunirse ás présas para ver se pide permiso á Xunta para traer auga dende Lugo ou dende onde toque, porque agora hai que solicitar permiso á Xunta para ir buscar auga en camións cisterna. Que marabilla.
O problema nunca foi non saber resolver unha emerxencia sobre a marcha, camaradas: o problema é non tela previsto cando aínda había tempo de sobra para evitala. Non se trata de improvisar solucións cando o pobo xa está sen auga; trátase de ter feito o traballo antes.
E esta mesma falta de previsión, esta mesma deixadez, non se limita á auga. As cunetas de Neda levan meses sen limpar, porque en agosto xa non hai tractores dispoñibles para contratar, xa que ninguén se preocupou de organizalo con tempo. Hai contedores de vidro que levan tres anos —tres anos— cheos ata arriba sen que ninguén veña baleiralos. O contedor está aí, pero xa non serve para nada porque non cabe nin unha botella máis, e a ninguén lle importa.
E aquí convén lembralo alto e claro: Neda non é só Santa María, non é só a contorna onde vive o alcalde de quenda nin a rúa onde está a Casa do Concello. Neda tamén é o rural, cada parroquia e cada veciño que paga os seus impostos igual ca calquera outro.
Un Concello pequeno non ten grandes misterios que resolver: a súa función é que haxa auga, que haxa luz, que as cunetas estean limpas e que as estradas estean asfaltadas. Nin máis nin menos ca iso. E, se non se é capaz nin de garantir iso, entón, ¿para que se está aí?
Non se goberna un municipio saíndo na foto de quenda nin paseando polo pobo o día da festa patronal. Góbernase traballando cada día, coñecendo as necesidades reais da xente e anticipándose a elas.
Que hoxe se nos diga que a culpa é da seca e que a única resposta sexa unha reunión de urxencia para ver se traen un camión de auga é, sinxelamente, ridículo.
A seca pode explicar que haxa menos auga. O que non explica é a falta de previsión.
Se o problema se coñecía dende hai días, entón había tempo para prepararse. E se había tempo para prepararse e non se fixo, a responsabilidade xa non se pode atribuír unicamente á seca.
A seca non é a causa de que non exista previsión: a causa é a deixadez de quen ten a obriga de prever e non o fai.
André Abeledo Fernández (veciño de Neda)

