Venezuela explicada en 140 días de pillaxe: a maldición dun pobo rico que se atreveu a soñar coa soberanía
Camaradas,
Simón Bolívar escribiuno coa lucidez de quen xa vira de preto a gadoupa imperial: «Os EE. UU. parecen destinados a sementar de miserias a América en nome da liberdade». Douscentos anos despois, Venezuela volve confirmar que o Libertador non esaxeraba.
Cento corenta días de ocupación
Ese é o tempo que leva a nación bolivariana baixo a administración directa ou indirecta de Washington tras a captura de Nicolás Maduro. Cento corenta días que o Goberno bolivariano e decenas de analistas latinoamericanos denuncian como unha pillaxe en toda regra: miles de millóns de dólares en cru venezolano fluíndo cara ás arcas estadounidenses sen que Washington aclarase xamais o seu destino nin sometese a operación ningunha auditoría; o servizo eléctrico desviado cara aos campos petroleiros mentres os fogares venezolanos quedan ás escuras; as sancións intactas malia a ocupación; unha débeda externa que non deixa de medrar e unha inflación que segue devorando o pouco que lle queda ao pobo. (Aclaro, coma sempre, que estas cifras circulan por fontes bolivarianas e non as verifiquei unha por unha de xeito independente; si hai informes financeiros internacionais —Financial Times, Kpler— que confirman a orde de magnitude da pillaxe petroleira.)
Non é a primeira vez que isto ocorre: dende 1917 ata a nacionalización de 1976, as petroleiras ianquis levaron o groso da riqueza do subsolo venezolano, deixando migallas fiscais ao pobo que a producía. A historia non se repite, camaradas: continúa.
«Que se leven a Maduro»
Onde están agora aqueles que facían cola durante horas para mercar unha bolsa de fariña e repetían, coa boca chea de rabia e de inxenuidade, «que se leven o petróleo, que se leven todo, pero que se leven a Maduro»?
Pois ben: xa o levaron. A Maduro secuestrárono. O petróleo xa o levan. A economía venezolana xa non a administra Caracas, adminístraa Washington. Exactamente o que pedían. E agora toca preguntar o único que de verdade importa: que mellorou?
Nada. Todo o contrario. Hoxe hai máis horas sen luz que antes da ocupación. A moeda está máis devaluada. Sobrevivir en Venezuela é máis difícil. Antes, polo menos, Venezuela loitaba para defender algo que era seu: a súa soberanía. Agora xa non hai nin sequera iso.
Porque, camaradas, a quen se lle ocorre pensar que Estados Unidos foi algunha vez a algún recanto do planeta a salvar a ninguén? Se a Estados Unidos nunca lle importou nin o seu propio pobo, por que había de importarlle Venezuela? Cando foron a Iraq non levaron democracia: levaron destrución e leváronse o petróleo. Por onde pasa Estados Unidos, coma o cabalo de Atila, non volve medrar a herba. Isto sabiámolo todos os que sabemos ler, todos os que coñecemos a historia. O problema é que a ignorancia de boa parte da oposición venezolana foi, e segue a ser, brutal. Chamaron ao monstro, e o monstro veu.
E agora non teñen nin soberanía nin dereito a decidir o seu propio destino, porque ese destino xa o decide Washington. E as cousas están igual ou peor, e así van seguir, porque o Goberno trumpista xa o dixo sen dobreces: Latinoamérica ten que volver ser o patio traseiro de Estados Unidos. E cando un país é o patio traseiro de alguén, non pode aspirar a ser outra cousa que Terceiro Mundo, ou peor aínda. Agora tócalle baixar un chanzo máis, porque xa non queda nada: nin patria, nin soberanía, nin economía propia.
A maldición da riqueza
E aquí chegamos ao fondo da cuestión, camaradas, ao que explica por que Venezuela e non outro país calquera. Xa o dixen nalgunha ocasión e repítoo agora con máis razón ca nunca: a democracia en Venezuela será bolivariana ou non será. Porque o que lle está pasando a Venezuela non é un accidente da historia, é unha condena que arrastra dende que se soubo o que garda baixo terra.
Petróleo. Ouro. Litio. Coltán. Riquezas que deberían ser unha bendición para calquera pobo convértense, baixo o capitalismo imperialista, nunha sentenza de morte. Porque un pobo que ten todo iso deixa de ser dono do seu destino no mesmo instante en que o imperio norteamericano e as grandes multinacionais poñen os ollos enriba. E cando che poñen o ollo enriba, primeiro queren só unha parte do pastel. Despois cómeno enteiro.
Que llo pregunten ao Congo. Un país dunha riqueza mineral descomunal onde nenos, nenos pequenos, morren cada día en minas de cobalto para que o mundo enteiro poida ter o seu iPhone, o seu smartphone, a súa tableta de última xeración. Esa é a civilización occidental que presume de dereitos humanos: construída literalmente sobre os ósos de criaturas congolesas. Que llo pregunten a calquera país do planeta que tivo a desgraza de ser rico e a desgraza maior aínda de non poder defenderse.
Agora tócalle a Venezuela. Venezuela ten o que o imperio quere, o que Estados Unidos quere, o que o sionismo quere. E para conseguilo, están dispostos a todo? A todo: a un secuestro presidencial, a unha ocupación económica, a un bloqueo que segue intacto mentres se levan o petróleo, a afundir un pobo enteiro na miseria con tal de quedaren co que hai baixo a súa terra.
E cando o teñan todo, non van repartir nada con ninguén. Porque a esa xente os pobos non lles importan absolutamente nada. Para eles somos menos ca nada, non temos ningún valor coma seres humanos: cando un cae, xa nacerá outro que extraia o mineral, que bombee o petróleo, que sosteña co seu suor e o seu sangue o nivel de vida que Occidente esixe para as súas pantallas e os seus coches eléctricos.
Conclusión:
Quen non coñece a súa historia está condenado a repetila, como ben dicía Santayana. Venezuela está a repetila agora mesmo, en tempo real, cunha oposición que chamou ao monstro sen entender que o monstro non vén repartir nada, vén comer o pastel enteiro. A loita en Venezuela non é só por Venezuela: é a loita de todos os pobos que teñen a mala sorte, ou a boa sorte mal xestionada polo capital, de seren ricos nun mundo gobernado por quen só entende de pillaxe. A democracia bolivariana non é un capricho ideolóxico: é a única forma en que un pobo con riquezas pode aspirar a seguir sendo dono delas.
Ata a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

