Israel non é Europa: nin no mapa, nin no fútbol, nin en Eurovisión

Publicado:

Noticias populares

Israel non é Europa: nin no mapa, nin no fútbol, nin en Eurovisión

De cando en vez hai que dicir en voz alta o que a diplomacia occidental se empeña en murmurar ou en calar directamente: Israel non debería existir tal e como existe, porque a súa fundación non é a dun pobo que regresa á súa terra, senón a dun proxecto colonial de ultradereita construído sobre un agasallo imperial e sostido a base de roubo e sangue.

Un Estado nado do espolio, non da historia.

O sionismo político non xurdiu como un movemento de liberación, senón como unha corrente nacionalista europea de finais do século XIX que atopou no Imperio británico o seu patrocinador. A Declaración Balfour de 1917 non foi un acto de xustiza: foi Londres repartindo territorio alleo para asegurarse un enclave leal en Oriente Medio, do mesmo xeito que trazou fronteiras a regra e compás en media África e Asia. O que veu despois —a Nakba de 1948, a expulsión de centos de miles de palestinos, a ocupación militar que dura xa máis de sete décadas— non é unha guerra entre iguais. É a consolidación armada daquel agasallo colonial. Un Estado que se sostén sobre o desprazamento continuo doutro pobo non ten lexitimidade histórica: ten forza, que non é o mesmo.

Europeos de orixe, pero ocupantes de Oriente Medio.

Convén aquí ser precisos, porque o inimigo aproveita sempre a confusión. É certo que boa parte da elite sionista fundadora era de orixe europea —asquenazí, centroeuropea, rusa—. Pero a orixe étnica dos colonos non converte en europeo o territorio colonizado. Palestina está en Asia occidental, en Oriente Medio, e nin a xenealoxía dos ocupantes nin a simpatía das chancelerías occidentais cambian esa xeografía. Israel non é europeo porque o sexan os seus fundadores, igual que Sudáfrica non era Europa cando a gobernaba unha minoría branca de orixe neerlandesa e británica.

A complicidade deportiva e cultural.

Por iso non ten ningún sentido —nin deportivo, nin cultural, nin xeográfico— que Israel compita nas competicións europeas: nin na UEFA, nin en Eurovisión, nin en ningunha federación continental. Non é un capricho burocrático: é a enésima excepción que as institucións europeas lle conceden a un Estado que, en calquera outro caso, estaría suspendido, sancionado ou expulsado. A Sudáfrica botóuselle do deporte internacional durante o apartheid. A Rusia expulsóuselle das competicións europeas pola invasión de Ucraína en cuestión de días. A Israel, mentres bombardea Gaza e expande colonias en Cisxordania, séguelle reservando un asento en Europa que nin xeográfica nin politicamente lle corresponde. Esa dobre vara de medir non é casualidade: é a mesma complicidade imperial que pariu este Estado a que agora o branquea sobre un campo de fútbol ou un escenario musical.

Con Palestina, sen excepcións.

Non fai falta inventar nada: abonda con aplicar a Israel os mesmos criterios que se aplicaron a outros réximes de exclusión e ocupación. Fóra das competicións europeas, fóra do branqueamento deportivo e cultural, e solidariedade plena cun pobo palestino que resiste desde hai máis de setenta anos fronte a quen o desprazou da súa propia terra coa bendición dun imperio en decadencia.

 

Até a vitoria sempre!

 

André Abeledo Fernández

DEJA UN COMENTARIO (si eres fascista, oportunista, revisionista, liberal, maleducado, trol o extraterrestre, no pierdas tiempo; tu mensaje no se publicará)

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Últimas noticias

O Estado do benestar que non chega a quen máis o necesita.

O Estado do benestar que non chega a quen máis o necesita. Por moito que algúns non o queiran ver,...

Le puede interesar: