A lei da selva contra o pobo e ao servizo do poder.
Non hai xustiza para as persoas. A xustiza é para os voitres e para as hienas, non para os seres humanos. Está para defender os intereses dos fondos voitre, das grandes multinacionais, dos bancos, dos vampiros que chupan o sangue aos máis débiles. O que chaman xustiza é abuso legalizado: leis e sentenzas ao servizo dos poderosos para blindar os seus intereses.
O drama dos desafiuzamentos.
Temos o último caso mediático, entre os miles que nin coñecemos porque nin sequera chegan á opinión pública. Centos de persoas levan días concentrándose fronte á vivenda de Maricarmen, veciña de 87 anos do distrito madrileño de Retiro, que afronta o seu cuarto e definitivo intento de desafiuzamento da casa na que viviu durante máis de 70 anos.
Os manifestantes acamparon fronte ao domicilio para tratar de frear o desafiuzamento previsto. Unha coñecida escritora ofreceuse a pagar parte do aluguer para que Maricarmen non perda o seu fogar, pero a última palabra tena o fondo voitre inmobiliario Urbagestión, que se nega a chegar a un acordo coa inquilina porque a esa xente só a move o diñeiro. Non teñen empatía: personifican a maldade.
Os carroñeiros sen alma.
Lembremos quen votou en contra da lei de vivenda, quen rexeita ter unhas leis que defendan os inquilinos dos abusos dos fondos voitre sen alma, capaces de subir dun día para outro un 200 % o aluguer a unha persoa de case 90 anos, a un enfermo, a un paralítico, a calquera, coa finalidade de botalo da súa casa e poder especular con esa vivenda ou con ese terreo urbanizable.
Vox, PP e Junts: a mesma dereita en idiomas distintos.
Non esquezamos quen votou en contra da lei de vivenda: Vox, o can de guerra do poder e dos poderes económicos, do sionismo internacional, do trumpismo e de todo o peor que hai agora mesmo no mundo; o Partido Popular, sempre ás ordes de quen ten o diñeiro e defendendo os intereses dos que especulan; e Junts, que é exactamente o mesmo, pero en catalán.
Porque niso de ser de dereita, de ultradereita, de defender os intereses dos máis poderosos, non hai nacionalismo que valla. Aquí están xuntos, totalmente unidos, tanto Vox como Junts como o Partido Popular. Porque, á hora de defender os intereses dunha xente que non ten máis patria có seu diñeiro, có seu peto e coa súa conta corrente, dá igual en que idioma o defendas. Á hora de facer leis para pisar os máis débiles, dá igual en que idioma as escribas. Á hora de mentir e de lanzar bulos para seguir abusando de quen non ten outra saída, de quen vai quedar na rúa en situacións dantescas, dá igual que o defendas en inglés, en francés, en alemán, en catalán, en portugués, en galego, en éuscaro ou en castelán: o que segue sendo é un malnacido.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

