O esencial non se vende e o público deféndese.

Publicado:

Noticias populares

O esencial non se vende e o público deféndese.

Nin a vivenda, nin a enerxía, nin os combustibles, nin os alimentos, nin a auga, nin a sanidade nin a educación poden estar en mans de especuladores nin de voitres carroñeiros que só buscan beneficio económico a costa da clase traballadora. O que sostén a vida non é unha mercadoría. É un dereito, e os dereitos non se poxan.

O Estado non é unha empresa e nós non somos mercadoría.

Meteron na nosa cabeza que o Estado debe xestionarse coma unha empresa e que as persoas somos pouco máis que un activo no seu balance. Tragamos o conto de que hai que apertar o cinto en cada crise, mentres os ricos son cada vez máis ricos. Quen antes tiña dificultades para chegar a fin de mes coñece hoxe a dureza da miseria. As crises págaas sempre a mesma xente, e os beneficios lévaos sempre a mesma minoría.

Sanguixugas, non investidores.

Chamarlles investidores aos especuladores é coma dicir que as sanguixugas producen sangue. Especular coa vivenda ou cos servizos básicos non xera riqueza: só extrae a que producimos co noso traballo e transfórmaa en sufrimento para quen nos erguemos cada día para sacar o país adiante. Son un cancro para o pobo. Non lles debemos nada a quen pretende roubarnos todo, ata a dignidade.

O privado degrada, o público protexe.

O sector privado demostrou que é un desastre xestionando os servizos esenciais. Só busca a maior marxe de beneficio, e iso conséguese con peores servizos, menos medios, menos traballadores, menos investimento e peores salarios, mentres a cidadanía paga máis por algo de peor calidade.

Está a suceder nos bombeiros, nas brigadas contra incendios, na sanidade, nas emerxencias e na educación. Todo o que se privatiza, se externaliza ou se concerta co sector privado precarízase e degrádase, e enriquece unha minoría de millonarios, políticos e familiares en detrimento de toda a cidadanía e duns servizos públicos que son básicos e necesarios para unha sociedade sa e con xustiza social.

Recuperar o estratéxico para o pobo.

Os incendios, as pandemias e as crises económicas deixaron unha lección palpable: hai que recuperar os sectores estratéxicos para o público, para o Estado, para todos. Precisamos unha sanidade pública, universal, gratuíta e de calidade, e o mesmo vale para a educación, as emerxencias, a enerxía, a banca, a vivenda e as telecomunicacións. O que demostrou o capitalismo é que é incapaz de autorregularse, que non coñece a empatía e que lle pon á vida humana un prezo demasiado baixo.

A pandemia foi un exemplo práctico: só un Estado forte pode xestionar unha crise grave e poñer as normas para que a sociedade non se converta nunha selva onde sociópatas e xente sen escrúpulos fan negocio co sufrimento e a necesidade. O Estado debe regular o mercado para evitar os abusos, e debemos nacionalizar os sectores estratéxicos para que estean en todo momento ao servizo da cidadanía e non das oligarquías.

Xustiza social, escudo de todas e todos.

A xustiza social é horizontal e iguala a todas e todos, pero tamén é un escudo que nos protexe a todas e todos. Defender o público é defender a xustiza social e a solidariedade.

Dignidade, memoria e conciencia.

É certo que coa dignidade non se come. Mais un pobo sen dignidade remata por non comer. Un pobo sen memoria esquece quen son os seus verdadeiros inimigos. Un pobo que non coñece a súa historia repite os seus erros e volve deixarse enganar. Unha sociedade ignorante é un rabaño de años nas mans dos poderosos, e unha sociedade consciente é moito máis difícil de enganar.

Por iso, a tarefa é dobre: organizármonos e lembrar. Organizármonos nos sindicatos, nos barrios e nos centros de traballo para reforzar os piares do Estado do benestar e non mercar o discurso de quen quere desmantelar todo o público para converter as nosas vidas nun negocio millonario. E lembrar que cada dereito que gozamos foi conquistado coa loita por quen nos precederon, non coa xenerosidade dos de arriba.

O esencial non se vende. Deféndese.

 

Até a vitoria sempre!

 

André Abeledo Fernández

DEJA UN COMENTARIO (si eres fascista, oportunista, revisionista, liberal, maleducado, trol o extraterrestre, no pierdas tiempo; tu mensaje no se publicará)

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Últimas noticias

Cuba y China: 66 años de apoyo mutuo y amistad especial

Cuba y China conmemoran hoy el aniversario 66 del establecimiento de relaciones diplomáticas, en medio de una amplia cooperación multisectorial y el apoyo mutuo en temas de interés nacional.

Le puede interesar: