Feijóo, o delfín de quen baleirou a hucha, dános leccións sobre pensións
O caradura que baleirou a hucha acúsanos de baleirala.
O líder do partido de Mariano Rajoy, o presidente que baleirou a hucha das pensións, sae agora a dicir que a situación das pensións é mala pola mala xestión deste Goberno. Feijóo, o delfín de Rajoy, atrévese a dicir semellante cousa con todo o que o seu partido ten que ver con aquel saqueo. Hai que ter a cara moi dura para dicilo sen poñerse colorado. Ou non se ten sentido do ridículo, ou non se ten sentido común, ou non se ten ningunha das dúas cousas.
Non é a primeira vez. Sendo presidente da Xunta, Feijóo dixo no Círculo de Economía de Barcelona, en novembro de 2014, que «Galicia ten moitos elementos para se considerar unha nación sen Estado». Cando deu o salto á presidencia do PP estatal, fixo coma se nunca o tivese dito, a pesar de que está gravado e todos podemos escoitalo. O BNG lembroullo no debate de investidura de 2023. Agora nega que o Partido Popular pretenda tocar as pensións, cando a súa propia portavoz, que non destaca pola súa oratoria, pero si por dicir o que pensa o partido, nos dixo con claridade que as pensións «petaron» e que hai que cambiar o modelo.
A que modelo se refiren?.
Aí está o problema: cambiar o modelo, por cal? Se falamos dun modelo no que o traballador se paga unha parte da súa propia pensión, como o fará quen non gaña 4.000 ou 5.000 euros ao mes? Que pensión lle quedará cando teña que xubilarse? Unha auténtica miseria.
É o mesmo partido de Aznar, gurú e gran líder, presidente da FAES, que di que deberiamos traballar máis alá dos 70 anos. Claro, é moi doado dicilo para quen nunca traballou, para quen non sabe o que é traballar duro. Para quen cancela un acto porque ten un pinchazo nas costas, pero considera que un traballador debe ir traballar a unha obra cunha hernia. Eles non o viviron, non lles importa e non lles interesa. Pertencen a outra clase social, con outros problemas e uns intereses moi distintos dos da maioría.
O bulo do absentismo.
Por iso lles resulta tan doado acusar de caras duras os traballadores enfermos. Por iso mesturan o absentismo coas baixas por enfermidade, coas vacacións ou cos permisos de maternidade e paternidade: mestúranse todos os datos para acabar contando unha mentira, un bulo.
Os traballadores da empresa privada sabemos como funciona isto: se colles moitas baixas ou chegas tarde, despídente. No Estado español, o despedimento é libre e barato. Por moito que o PP e Vox digan que é caro e que debería ser aínda máis libre, ata as institucións europeas advertiron de que o traballador español está demasiado desprotexido e de que despedir sae demasiado barato. E aquí tamén hai que dicir que este Goberno, máis progre ca de progreso, non o cambiou: o despedimento segue sendo igual de barato, libre e doado ca con Rajoy e a súa reforma. Non houbo derrogación da reforma laboral, senón maquillaxe. As cousas hai que dicilas todas, non só unha parte.
Rueda, as mutuas e o negocio da enfermidade.
Custa entender que alguén se crea algo do que di Feijóo, un personaxe que fala de enriquecemento familiar mentres Eulen, a empresa na que a súa irmá Micaela dirixe o grupo para todo o noroeste, facturou 173.681 euros en 63 contratos menores, sen concurso, da Xunta durante os primeiros meses de 2025, segundo El Salto, que xa contabilizara 1,8 millóns de euros en 175 contratos do mesmo tipo en 2024. A maior parte son servizos de seguridade e limpeza de edificios públicos, perfectamente previsibles, que se poderían licitar mediante procedementos abertos para que concorresen outras empresas.
E ese mesmo personaxe levantou unha casa de praia a nome da súa muller que a calquera outro veciño lle terían derrubado por aplicación da Lei de Costas. En Galicia, non. Aí segue a casiña.
E Rueda, baixo as ordes de Feijóo, supoño, por ser o seu delfín, repite que os traballadores non van traballar porque non queren, que son uns vagos. A súa solución: ofrecer incentivos económicos aos médicos de cabeceira para que dean altas e non baixas. Que se salten o xuramento hipocrático, collan o diñeiro e dean altas a eito. E xa din que esas altas tamén as poderían dar as mutuas.
Unhas mutuas que, por moito que reciban diñeiro público, funcionan como empresas privadas e non traballan prioritariamente pola saúde do traballador. Iso sábeo calquera traballador. A mutua beneficia a empresa que a contrata e a si mesma, con directivos que cobran soldos millonarios. O que quere é que non se recoñeza a enfermidade laboral, non ter que pagar nada ou conseguir que o traballador volva canto antes. A saúde queda nun segundo plano. Non lle interesa a ninguén.
Un Sergas con listas de espera para as listas de espera.
Mentres tanto, no Sergas as listas de espera son cada vez máis longas. Para pedir cita co médico de cabeceira, podes atoparte con que non hai citas dispoñibles durante un mes. Ou vas a urxencias e contribúes a colapsalas, ou quedas na casa sen recibir a atención que necesitas. E ata as chamadas ás centralitas se están externalizando: atende unha empresa privada que non che vai solucionar nada e que che cobra un euro pola chamada.
Hai que lembrarlle a moita xente que a sanidade, a educación e os servizos de emerxencias dependen, en boa medida, das comunidades autónomas, e que case todas están gobernadas, por desgraza, polo PP ou polo PP en coalición con Vox. Hai que saber como funciona o Estado para saber a quen lle pedir responsabilidades. Se non o sabes, é moi difícil saber quen ten a culpa do que ocorre. E deberiamos estar moi interesados en sabelo, porque nos vai a vida niso.
Quen nunca traballou non entende o traballador.
Saben perfectamente que temos unha sociedade avellentada. Pasados os 50, un comeza a facer auga, sobre todo se tivo traballos físicos: hernias, discopatías, tendinites, fascite plantar, síndrome do túnel carpiano… Un montón de doenzas derivadas de moitos anos de traballo nun dos países europeos onde máis horas se traballa.
Eles, Abascal, Feijóo, Ayuso e Rueda, que nunca traballaron, non entenden que a alguén lle custe traballar estando enfermo. Ademais, nin lles interesa nin lles importa.
A nós si nos debería importar. A nosa saúde non é de ferro, imos avellentar, imos xubilarnos, temos pais e avós que enferman e dependemos da sanidade pública e das pensións, tanto das actuais como das futuras.
A disxuntiva está entre un Estado social, baseado na xustiza e no reparto da riqueza, e un Estado no que as nosas vidas se converten nun negocio para unhas minorías. Cando a sanidade, a educación ou as pensións pasan a ser un negocio, pagámolo moi caro: quen inviste neses sectores faino para gañar diñeiro. Xa o vemos coa vivenda. Cando un fondo voitre compra pisos, non o fai para lle facer un favor á poboación, senón para especular. Tamén especularán coas pensións, coa sanidade e coa educación.
A receita de Vox: capitalizar a vellez.
E non fai falta imaxinar cara a onde nos levan, porque Vox xa o dixo. José María Figaredo, o seu responsable económico, chama «zombi» ao sistema público de pensións e propón outro con «unha parte de reparto e unha parte de capitalización»: pensións que dependan principalmente de contas individuais xestionadas por fondos, mentres o Estado só garante unhas prestacións mínimas.
Di que iso non é privatizar. elDiario.es sostén que suporía acabar co sistema público actual, e ata o PP se desmarcou da proposta. A súa outra receita é un IRPF con 22.000 euros exentos, un tipo do 15 % ata os 70.000 euros e outro do 25 % a partir desa cantidade. Segundo o ministro de Facenda, esta proposta custaría 85.000 millóns de euros e beneficiaría as rendas altas. Figaredo calcula o custo en 46.000 millóns. Pensións para os fondos, impostos á medida dos ricos.
A motoserra: miremos a Arxentina.
Figaredo non agocha a súa admiración por Milei, así que miremos a Arxentina: enfermos crónicos que quedan sen a súa medicación, pacientes oncolóxicos e nenos con leucemia que non poden acceder a ela, e unha poboación que tivo que apertar o cinto ata o límite.
De verdade queremos esa sociedade? Queremos os dereitos laborais dun traballador arxentino? Queremos traballar 12 ou 13 horas ao día, como pode suceder baixo determinadas condicións laborais na Arxentina? Queremos volver ao século XIX? A min non me entra na cabeza.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

