Preocúpanlles as cousas rotas, non as vidas rotas
Propiedade privada, xente privada
Preocúpalles a propiedade privada, pero non a xente privada de toda propiedade. Son os mesmos a quen lles importan os nenos ata que nacen: opóñense ao aborto, pero amparan presuntos pederastas. Os mesmos que reclaman o dereito a decidir sobre o corpo das mulleres para obrigalas a parir, pero miran para outro lado mentres en Palestina asasinan miles e miles de nenos.
Hipócritas.
Quen o mide todo en diñeiro
Esta ultradereita, estes liberais, esta xente sen empatía, mídeno todo polo seu valor en diñeiro. Non pensan na vida nin nas persoas, porque para eles todo é economía. Son clasistas: cren estar por riba porque pensan que os que estamos abaixo somos menos ca eles ou non somos nada.
E son os mesmos que din representarnos. Represéntannos como o pastor que leva o gando ao matadoiro, como quen nos reprime cando protestamos, como o capataz que empuñaba o látego en tempos da escravitude. Agora levan as mans á cabeza cando o pobo estoura e chámano violento.
Pero quen exerce a violencia? O Estado, cando reprime a quen esixe os seus dereitos, unha vida digna, poder vivir e non só sobrevivir. E para eles iso non é violencia: non o é condenarnos á miseria. Só somos violentos nós cando tentamos defendernos. É así? Pois, se esa é a vosa visión, é a visión do amo. E moitos de nós non nacemos para ser cans nin escravos.
Un sistema que non valora a vida
O capitalismo pon prezo ás cousas e quita valor ás persoas. Ese é o problema: vivimos nun sistema que non valora a vida e, polo tanto, no que a nosa vida non vale nada.
Mirade o que pasa cada día. Un piso baleiro cotiza á alza mentres a familia desafiuzada dorme no coche. Un obreiro cae dun andamio e a noticia é o atraso da obra. Unha traballadora de caixa suma cada día miles de euros alleos e chega a fin de mes sen que lle saian as contas propias. As cousas teñen prezo; nós, apenas un custo.
Chega un momento no que os pobos alcanzan o seu límite e non lles queda outro remedio que loitar. Cara a aí empúrrannos. E loitaremos. Venceremos. E non seremos escravos.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

