Sen liberdade para dicir non, non hai liberdade
Hai quen segue a crer que defender a existencia de Galiza como nación é incompatible con ser comunista. Quen o di adoita esquecer que o marxismo abordou a cuestión nacional con rigor e que o fixo, ademais, cunha definición que hoxe segue a ser unha referencia.
Que é unha nación?
Iósif Stalin expuxo a súa concepción na obra de 1913 O marxismo e a cuestión nacional. Para el, unha nación non é un conglomerado casual ou efémero. Debe reunir, de forma simultánea, cinco trazos:
1. Unha comunidade historicamente formada: non é un fenómeno eterno nin puramente biolóxico, senón que xorde nunha etapa determinada da historia.
2. Un territorio común: un espazo xeográfico compartido e delimitado.
3. Unha lingua común: un idioma falado de maneira efectiva pola poboación, que permita a comunicación e a cohesión.
4. Unha vida económica común: un vínculo económico e un intercambio de produtos que unan as distintas partes do territorio.
5. Unha psicoloxía ou carácter nacional común, expresado na cultura: tradicións, cultura compartida e conciencia de pertenza colectiva.
O criterio era tallante: se falta un só destes elementos, a nación non existe.
Galiza, unha nación sen Estado
Non hai dúbida de que Galiza cumpre con todos eles. Ten unha historia, unha cultura, unha lingua propia e unha identidade colectiva diferenciada. Galiza é unha nación sen Estado.
E digo isto desde unha perspectiva marxista e comunista, sen contradición ningunha. Defender o feito nacional e o dereito de autodeterminación dos pobos é perfectamente compatible cunha militancia comunista e de clase consecuente.
Clase e nación non se enfrontan
A loita principal é a loita de clases. Rexeito que a cuestión nacional se utilice para enfrontar os pobos ou dividir as traballadoras e os traballadores: o verdadeiro inimigo do pobo traballador é o capitalismo, aquí e en calquera parte. E, nesa loita, a nosa lingua, o galego, non é só un sinal de identidade de Galiza, senón tamén unha ferramenta e unha arma de clase.
O divorcio e a autodeterminación
Defendo o dereito á autodeterminación como un dereito fundamental. Cando se nega, destrúese a convivencia e dificúltase enormemente o diálogo, ao tempo que se alimenta o enfrontamento que, tarde ou cedo, adoita acabar en ruptura.
Adoito poñer un exemplo que seguramente non é o máis axeitado, pero si moi explícito: comparemos o dereito á autodeterminación co dereito ao divorcio, e a parella, entendida como o núcleo familiar que convive nunha casa, cos pobos e as nacións que conviven nun Estado.
Imaxinemos unha parella felizmente casada nun país onde non existe o divorcio. Teñen fillos sans aos que adoran, unha vida cómoda e as necesidades cubertas. Agora imaxinemos que ese país legaliza o divorcio. Alguén pode pensar que esa parella vai divorciarse só porque se lle recoñeza o dereito a facelo?
Pois o mesmo ocorre cos pobos. Cando a convivencia é boa na casa de todos, que é o Estado, os pobos son moito máis conservadores e fieis ca unha parella. Se o Estado respecta o seu feito diferencial, garante o seu dereito a decidir, cobre as súas necesidades básicas e traballa pola boa convivencia dos pobos que o forman, xa sexa mediante un Estado plurinacional, unha unión de repúblicas ou un Estado federal —a fórmula que eses pobos decidan darse—, ningún terá motivos para separarse. Ningún entenderá a independencia como solución a problemas inexistentes.
Cando o Estado se volve cárcere
O problema chega cando non hai respecto polo feito diferencial. Cando non se recoñecen as nacionalidades, cando hai idiomas de primeira e de segunda, cando se nega o dereito a decidir. Entón, o Estado deixa de ser a casa de todos e convértese nun cárcere de pobos.
Unión voluntaria de pobos libres
Eu defendo a unión voluntaria de pobos libres, de nacións que deciden camiñar xuntas. Esa unión fainas máis fortes e enriquéceas grazas á diversidade de culturas, tradicións e historias diferenciadas. Porque sen liberdade para dicir non, non hai liberdade.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

