Carroñeiros sobre as vías
A ultradereita dá noxo. Provoca arcadas velos rondar a dor allea como carroñeiros. O que fixeron o PP e Vox co terrible accidente de tren de Adamuz é propio de voitres: cheirar o sangue e lanzarse sobre el sen un segundo de decencia.
Nin un minuto de loito
O 18 de xaneiro, un tren Iryo descarrilou e chocou cun Alvia que viña en sentido contrario. Morreron máis de corenta persoas, familias enteiras quedaron esnaquizadas e, mentres aínda se buscaba entre os ferros, Abascal xa estaba acusando o Goberno. Vox non suspendeu a súa axenda, non respectou o loito oficial e nin sequera acudiu á homenaxe de Estado ás vítimas. Chámanlle a iso «esixir responsabilidades». Eu chámolle campaña electoral con ataúdes de atrezo.
O PP, entre a contención e o cálculo
Feijóo e os seus aguantaron o xusto. Cando viron que Vox lles comía o terreo, enterraron a prudencia: «Non é mala sorte, é incapacidade», sentenciou Feijóo, mentres Ayuso, desde Madrid, falaba dunha «lei do silencio» cando as familias aínda enterraban os seus mortos. É a competición de sempre: a ver quen morde máis forte na ferida aberta.
Esixir explicacións non é o que fan
Que ninguén se confunda: a clase traballadora ten dereito a saber que fallou, quen debe responder polo sucedido e por que a rede ferroviaria chegou a este estado. Iso é investigar, fiscalizar e asumir responsabilidades, e debe facerse con rigor e coas familias no centro. O que fai a dereita é outra cousa: usar a traxedia como ariete mentres os seus gobernos recortan e privatizan os servizos públicos cada vez que poden. Quen de verdade quere trens seguros defende o servizo público, o investimento e o mantemento, non o titular do día seguinte.
Representan a alguén?
Pregúntome como pode existir xente capaz de aproveitar a desgraza e converter a morte e o sufrimento de tantas familias en munición política. E pregúntome, sobre todo, como personaxes así poden dicir que representan a cidadanía. Quen non ten empatía coas vítimas non representa os pobos; representa un proxecto de poder.
Que non nos arrastren ao abismo
Non nos podemos permitir caer en mans de quen é capaz de todo con tal de gañar. Fronte á carroña, solidariedade coas vítimas, verdade sen manipulación e unha defensa firme do público. Esa é a tarefa de quen vimos de abaixo.
Que a terra lles sexa leve.
André Abeledo Fernández

