O verdadeiro problema non son as baixas laborais, senón quen deixou enfermar a sanidade
Cada vez que a dereita fala do absentismo laboral, a mensaxe é a mesma: o problema nunca é a enfermidade, senón a persoa enferma. Nunca son as listas de espera, nunca é o deterioro da sanidade pública, nunca son as condicións de traballo, nunca é a falta de prevención. O culpable sempre acaba sendo o traballador.
As declaracións de Alberto Núñez Feijóo e doutros dirixentes do Partido Popular sobre a duración das baixas laborais volven demostrar unha preocupante falta de empatía coa realidade que vive a maioría social. Porque resulta moi doado opinar sobre o sufrimento alleo cando nunca se tivo que escoller entre ir traballar con dor ou perder parte do salario.
En Galicia coñecemos ben cal é o verdadeiro problema. Temos listas de espera interminables. Persoas que agardan meses e mesmo anos para seren atendidas por un especialista. Pacientes que chegan demasiado tarde a unha operación porque o sistema sanitario non foi quen de atendelos cando aínda estaban a tempo. Enfermidades que poderían terse tratado antes e que acaban converténdose en crónicas precisamente pola demora asistencial.
Ese si é un factor que alonga as baixas laborais.
Cando un traballador tarda meses ou anos en recibir un diagnóstico ou un tratamento axeitado, a súa recuperación tamén se atrasa. Non porque queira permanecer de baixa, senón porque ninguén pode curarse sen atención médica.
Pero diso o Partido Popular fala moi pouco.
É moito máis sinxelo sinalar ao traballador que recoñecer o deterioro duns servizos públicos cuxa xestión tamén dependeu durante anos de quen hoxe reparte leccións sobre produtividade.
Hai, ademais, unha enorme desconexión coa realidade do traballo. Quen sostén que as baixas son excesivas parece esquecer que España e Galicia contan cunha poboación cada vez máis envellecida. Recuperarse aos trinta anos non é o mesmo que facelo aos sesenta. As enfermidades musculares, articulares ou crónicas non desaparecen porque un político faga unha declaración desafortunada.
O corpo ten límites.
E quen pasou décadas traballando na construción, nunha fábrica, nun supermercado, no transporte ou na limpeza sabe perfectamente que chega un momento no que a dor deixa de ser unha molestia para converterse nun obstáculo insalvable.
O verdadeiramente preocupante é escoitar propostas que insinúan que quen está de baixa debería cobrar menos, cando calquera traballador sabe que unha incapacidade temporal xa supón, na maioría dos casos, unha perda de ingresos. Parece evidente que algúns falan da vida laboral sen apenas coñecela.
Mentres tanto, a saúde mental continúa a ser a gran esquecida. As baixas por ansiedade ou depresión non aparecen por xeración espontánea. Son tamén o resultado de xornadas interminables, precariedade, presión constante, medo ao despedimento, cadros de persoal insuficientes e unha atención psicolóxica pública claramente insuficiente. Conseguir cita cun psicólogo ou cun psiquiatra pode levar meses. Os seguimentos son escasos e moitos pacientes empeoran agardando unha atención que chega demasiado tarde.
¿De verdade o problema son os traballadores?
Non. O problema é un sistema que tarda demasiado en curalos e unhas condicións laborais que, en demasiadas ocasións, acaban enfermándoos.
Quen presenta ao traballador enfermo como unha carga esquece unha verdade moi sinxela: a riqueza non a crean os consellos de administración nin os grandes fondos de investimento. Créana millóns de persoas que cada mañá levantan a persiana dun comercio, conducen un autobús, atenden un paciente, recollen o lixo, traballan nunha cadea de montaxe ou descargan un camión.
Sen eses traballadores non hai empresas.
Sen eses traballadores non hai beneficios.
E sen eses traballadores tampouco existirían os impostos que sosteñen o Estado.
Por iso resulta profundamente inxusto converter a quen enferma nun sospeitoso. Enfermar non é un privilexio. É unha desgraza. Ninguén escolle unha depresión, unha hernia, un cancro ou unha lesión incapacitante para cobrar menos diñeiro e ver como a súa vida queda en suspenso.
Se de verdade queren reducir as baixas laborais, comecen por onde corresponde: reforcen a sanidade pública, reduzan as listas de espera, melloren a prevención de riscos laborais, invistan en saúde mental e dignifiquen as condicións de traballo.
Todo o demais non deixa de ser unha forma de culpabilizar a quen menos responsabilidade ten e de protexer a quen leva demasiado tempo sen asumir a súa.
André Abeledo Fernández

