A hipocrisía de quen pretende castigar aos traballadores por enfermar

Publicado:

Noticias populares

A hipocrisía de quen pretende castigar aos traballadores por enfermar

Hai discursos que retratan unha forma de entender a sociedade moito mellor ca calquera programa electoral. Cada vez que Alberto Núñez Feijóo fala das baixas laborais, do salario mínimo ou dos dereitos da clase traballadora, queda claro que intereses defende o Partido Popular. Non os de quen madruga cada día para levantar este país, senón os de quen considera que calquera dereito laboral é un custo que hai que recortar.

Agora resulta que as baixas laborais son pouco menos ca un cancro para a economía. Se seguimos esa lóxica, o problema xa non sería a enfermidade, senón o enfermo. O traballador deixa de ser unha persoa con dereitos para converterse nunha sospeita permanente. En alguén ao que hai que vixiar, sinalar e castigar.

Porque iso é o que realmente propón Feijóo cando afirma que quen está de baixa debería cobrar aínda menos. Dígao coma se actualmente un traballador de baixa mantivese íntegro o seu salario. E iso, sinxelamente, non é certo. A lexislación xa prevé unha perda de ingresos en moitos casos e, ademais, existen empresas que, mesmo cando o convenio recoñece determinados complementos, retiran outros conceptos salariais que reducen notablemente o que percibe o traballador enfermo.

É dicir, quen enferma xa paga un prezo económico. Pero parece que para a dereita iso non chega. Hai que castigalo máis. Como se enfermar fose unha decisión persoal e non unha circunstancia que pode afectar a calquera.

A contradición resulta aínda máis chamativa cando quen lanza ese discurso tamén se ausentou da actividade política por motivos de saúde ou defendeu para si dereitos que agora cuestiona para o resto da poboación traballadora. Parece que cando a enfermidade afecta a un dirixente político merece comprensión, pero cando afecta a un caixeiro, a unha limpadora, a un transportista ou a un repoñedor convértese automaticamente nunha sospeita.

En Galiza, ademais, o goberno de Alfonso Rueda impulsou medidas para incentivar a redución do absentismo mediante obxectivos vinculados ás baixas médicas. O debate sobre como deseñar eses incentivos é lexítimo, pero tamén o é preguntarse se un sistema así pode xerar presión sobre os profesionais sanitarios e facer que algúns pacientes teman non recibir unha baixa cando realmente a precisan. A prioridade dun médico debe ser sempre a saúde do paciente, non cumprir estatísticas.

Mentres tanto, Feijóo segue cargando contra o salario mínimo. Para a dereita sempre parece ser demasiado alto, aínda que milleiros de traballadores continúen tendo enormes dificultades para chegar a fin de mes. Nunca falan de salarios insuficientes, de alugueiros imposibles ou do encarecemento da vida. Sempre atopan excesivos os dereitos de quen menos ten.

E tampouco falan doutro dato moito máis incómodo: os millóns de horas extraordinarias que se realizan cada ano e que, en numerosos casos, nin sequera son remuneradas. Aí non hai discursos inflamados. Aí non hai indignación. Aí desaparece de súpeto a preocupación pola produtividade e polo absentismo.

Tamén sorprende escoitar que as vacacións están sobrevaloradas cando quen o afirma goza dunhas condicións laborais e retributivas que nada teñen que ver coa realidade da inmensa maioría da poboación. O descanso non é un privilexio. É un dereito conquistado tras décadas de loita obreira e unha necesidade para protexer a saúde física e mental.

A dereita leva anos transmitindo a mesma idea: traballar máis, cobrar menos e ter menos dereitos. Sempre en nome da competitividade. Sempre sacrificando aos mesmos. Mentres tanto, algúns dos seus referentes chegan mesmo a propoñer atrasar aínda máis a idade de xubilación, coma se todos os traballadores chegasen aos setenta anos nas mesmas condicións físicas ca quen desenvolveu toda a súa carreira en despachos.

Quen pasou décadas levantando peso, traballando de noite, soportando temperaturas extremas ou atendendo ao público sabe perfectamente que o corpo ten límites. Os traballadores non son máquinas. Enferman. Lesiónanse. Desgástanse. E precisamente por iso existen as baixas médicas, as vacacións, a prevención de riscos laborais e a protección social.

A diferenza entre uns e outros é moi sinxela. Nós defendemos que unha persoa ten dereito a recuperarse cando enferma. Eles parecen empeñados en converter a enfermidade nun motivo de castigo.

E esa diferenza non é menor. É a diferenza entre entender o traballo como un dereito vinculado á dignidade humana ou entender ao traballador como unha peza substituíble cuxo único valor consiste en producir beneficios para outros.

A clase traballadora debería tomar boa nota. Porque cando se cuestiona o dereito a enfermar, mañá cuestionarase o dereito a descansar, despois o dereito a un salario digno e, finalmente, calquera conquista social acadada durante xeracións de loita obreira. Así avanza unha dereita cada vez máis extrema nos seus formulamentos: normalizando que perder dereitos sexa presentado como unha virtude e que defendelos sexa sinalado como un problema.

 

André Abeledo Fernández 

DEJA UN COMENTARIO (si eres fascista, oportunista, revisionista, liberal, maleducado, trol o extraterrestre, no pierdas tiempo; tu mensaje no se publicará)

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Últimas noticias

La hipocresía de quien pretende castigar a los trabajadores por enfermar

La hipocresía de quien pretende castigar a los trabajadores por enfermar Hay discursos que retratan una forma de entender la...

Le puede interesar: