CEUTA: CANDO O FASCISMO ATACA A QUEN SALVA VIDAS
O que está a ocorrer en Ceuta non é un episodio illado de «tensión veciñal», como queren presentalo os medios cómplices do réxime. É a aplicación, en solo español, do mesmo manual que a ultradereita sionista leva décadas ensaiando contra o pobo palestino: bloquear a axuda humanitaria, criminalizar a quen a presta e deshumanizar as vítimas ata convertelas en inimigo interno.
Durante máis de dúas horas, decenas de persoas impediron o paso dun camión da Cruz Vermella cara á praia do Trampolín, berrando que a organización humanitaria «é unha mafia». Despois desprazáronse aos asentamentos de Benítez para queimar as pertenzas e os refuxios de persoas migrantes que levan case un mes sobrevivindo á intemperie. Non fai falta moita imaxinación para recoñecer nesas imaxes o mesmo patrón que aplican os colonos israelís contra a Cruz Vermella e as ONG en Cisxordania e Gaza: o bloqueo como arma, a fame como castigo colectivo, o medo como método de goberno.
Amnistía Internacional denunciou ameazas ao persoal humanitario e obstáculos ao reparto de auga e comida. A Coordinadora de Organizacións para o Desenvolvemento fala de «profunda preocupación». A Asociación Elín, que segue traballando sobre o terreo malia os insultos que reciben as súas voluntarias e voluntarios, lembra algo que a prensa fascista prefire ocultar: entre as persoas que malviven na rúa, nos montes ou na praia hai nenos, adolescentes, mulleres e persoas LGTBIQ+ sen ningún espazo seguro.
Isto non xorde da nada. Xorde de anos de discursos de odio sementados desde VOX, desde o PP de Feijóo e Ayuso, desde Meloni en Italia e desde Trump nos Estados Unidos: a migración como invasión, o migrante como inimigo, a axuda humanitaria como complicidade criminal. É o mesmo caldo de cultivo ideolóxico que sostén o sionismo xenocida en Palestina e o bloqueo contra Cuba. Fascismo, nazismo e sionismo comparten unha mesma matriz: o odio organizado politicamente para converter os máis débiles en chivos expiatorios.
Como militante comunista e delegado sindical, non me sorprende que quen defende o bloqueo a Gaza sexa quen aplaude as fogueiras en Benítez. A solidariedade internacionalista non admite fronteiras nin dobres varas de medir: quen ataca a Cruz Vermella en Ceuta lexitima ideoloxicamente a quen a ataca en Rafah.
Esiximos protección real para as persoas migrantes e para o persoal humanitario, e esiximos que as administracións deixen de mirar para outro lado mentres a ultradereita organiza a violencia na rúa.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

