Frente Amplio: a mesma axencia de colocación con outro nome.
Agora resulta que Sumar se converte en Frente Amplio. Cambian de nome, si, pero convén preguntarse por que precisan cambialo tantas veces. Porque o certo é que, máis que sumar, restaron. Abonda con comparar a porcentaxe de votos que ten hoxe Sumar coa que acadaron Izquierda Unida ou Podemos nos seus mellores momentos para comprobar que o proxecto foi, en realidade, unha resta continua. E agora, cando xa case non queda nada que sumar, cámbianlle o nome. Esgótanselles os nomes, pero non as ganas de seguir montando historias.
Os mesmos nomes, a mesma axencia de colocación.
O curioso é que sempre as montan os mesmos. Cambian de etiqueta para seguir sendo exactamente o mesmo.
A esquerda debería unirse arredor de ideais e dunha ideoloxía para cambiar de verdade as cousas. En troques, isto converteuse nunha axencia de colocación onde a mesma xente, unha e outra vez, se amaña para non deixar de pisar moqueta, para non se erguer do sillón, para seguir cobrando un salario máis que digno e para non ter que volver a un mercado laboral bastante máis incerto e bastante máis duro que quedar aí dicindo cousas que despois nunca se cumpren.
Atila con gravata.
Que quede claro: xamais votarei a socialdemocracia e xamais votarei á dereita. Creo firmemente que a ultradereita e a dereita son un perigo real para este país. Pero tamén creo que boa parte da culpa da debilidade actual da esquerda a teñen estes chiringuitos montados por catro senvergoñas, que o único que conseguiron foi debilitala cada vez máis.
Foron coma Atila: por onde pasou o seu cabalo, non volveu medrar a herba. E agora, coma se botasen sal na terra, chámanlle Frente Amplio. Antes foi Sumar, antes Unidas Podemos e así sucesivamente, sempre co mesmo obxectivo de colocar a súa xente en cargos con bos salarios e poñerse ao servizo do poder.
Porque esa foi a realidade: os que estamos de verdade abaixo, a clase traballadora, non melloramos gran cousa a nosa situación.
A xente non chega a fin de mes.
E ese é o problema de fondo. A xente está frustrada, a xente está cansa, a xente non chega a fin de mes.
É certo que coa ultradereita, con Vox e co PP, todo sería peor. Pero con esta xente tampouco chegamos. Non estamos ben. O único que producen son anuncios case sempre baleiros, propostas que non van a ningures e promesas que acaban convertidas en simple publicidade electoral.
Que deixen de tomarnos o pelo.
Dá igual o nome que lle poñan se son os mesmos catro de sempre os que montan o tinglado.
Sumar, por chamarse Sumar, non sumou nada. Unidas Podemos, por chamarse Unidas, non uniu a ninguén. E Frente Amplio, por chamarse así, non se vai ampliar.
Que deixen de tomarnos o pelo dunha vez. E a ver se, entre todos, somos capaces de reconstruír unha esquerda de verdade.
Pero sen eles.
Até á vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

