Israel vota: gañe quen gañe, perde Palestina
As eleccións do 27 de outubro en Israel non deixaron un vencedor claro, mais si unha confirmación: as urnas israelís non van traer ningún cambio para o pobo palestino.
Un empate que non desbloquea nada
Con dous terzos do escrutinio, o Likud de Netanyahu é o partido máis votado, cuns 27 ou 28 escanos, pero o seu bloque queda arredor dos 56-57, lonxe dos 61 necesarios. O bloque de Gadi Eisenkot tampouco chega. Netanyahu perde uns oito escanos respecto de 2022, pero ninguén ten maioría e a contaxe segue aberta.
Dous bloques, un mesmo horizonte
Presentóusenos unha disxuntiva entre Netanyahu e un rival que, no esencial, non ofrece unha ruptura. Ningún dos dous bloques puxo sobre a mesa o recoñecemento dun Estado palestino, o fin da ocupación ou a rendición de contas ante os organismos internacionais. A diferenza que se nos sinala é de método: un quere investigar os atentados de Hamás e o outro xa pasou páxina. Para Gaza, para Cisxordania e para quen vive baixo ocupación, iso é moi pouco.
O voto árabe, vetado polo sistema
O dato máis significativo é que os partidos que representan a cidadanía palestina de Israel soben ata uns 16 escanos, arredor de seis máis ca en 2022. E, con todo, Netanyahu e boa parte da oposición descartaron gobernar con eles. Un millón e medio de cidadáns votan e díselles de antemán que o seu voto non conta para formar goberno. Isto tamén é un retrato do sistema.
Impunidade como programa
Sexa cal for a coalición que saia, herdará o mesmo: a ocupación, os asentamentos, os colonos armados protexidos polo exército, o desprezo sistemático polas resolucións internacionais e unha política exterior de inxerencia noutros países, tamén no Estado español. Un modelo no que a vida dun palestino vale menos ca a dun colono non se corrixe cambiando de primeiro ministro.
Responsabilidade política, non culpa herdada
Que a oferta electoral sexa a que é non ocorre no baleiro. Unha enquisa da Universidade Estatal de Pensilvania, publicada por Haaretz en 2025, atopou que o 82 % dos xudeus israelís apoiaba expulsar a poboación de Gaza e que o 56 % apoiaba expulsar os cidadáns palestinos de Israel; en 2003, esas porcentaxes eran do 45 % e do 31 %, respectivamente. En outubro de 2025, o INSS situaba no 68 % a proporción de xudeus israelís que se opoñían a un Estado palestino en calquera circunstancia. O Índice da Paz da Universidade de Tel Aviv recollía este verán que só o 29 % dese público apoiaba calquera negociación coa Autoridade Palestina. Pola súa banda, o Instituto Israelí da Democracia sinalaba que arredor do 55 % respaldaba a política de fomento dos asentamentos. Esa mesma institución recollía en 2025 que o 79 % dos xudeus israelís dicía non sentirse apenas afectado polo que ocorre en Gaza.
Son datos relativos á poboación xudía, xa que os cidadáns árabes manteñen posicións moi diferentes, e refírense a unha maioría, non a todo o mundo. Tamén hai cansazo pola guerra: tres cuartas partes queren un acordo para poñerlle fin. Pero, entre quen quere acabar con ela, apenas un 2 % o pide para deter o sufrimento dos habitantes de Gaza. Ese é o matiz que importa: non falo de culpa herdada nin dun pobo enteiro, senón da responsabilidade política de quen, en democracia, respalda ou tolera, elección tras elección, o que fai o seu goberno.
«Non sabiamos»
Ao rematar a Segunda Guerra Mundial, moitos alemáns dixeron que ignoraban o que pasaba nos campos. Quizais non coñecesen a maquinaria do exterminio, pero a persecución estaba á vista de todos: o discurso de odio, as leis que excluían os xudeus, a estrela obrigatoria, os guetos, as deportacións á luz do día e as casas e propiedades confiscadas que acababan en mans dos veciños. Non saber ata onde se chegaría non exculpa a quen coñecía o que xa ocorría e o apoiaba. Non digo que os réximes sexan idénticos: digo que a lóxica da escusa é a mesma.
Hoxe ocorre algo parecido. A ocupación, os asentamentos, a violencia dos colonos, o bloqueo e a destrución de Gaza non están agochados: debátense na prensa e na Knesset, sométense a votación e mídense mediante enquisas. E os datos que vimos non falan de descoñecemento, senón de indiferenza. Iso non fai menos responsables a quen a practica.
O que nos toca a quen miramos desde fóra
En Israel hai xente que se opón a todo isto, aínda que sexa unha minoría, e merece ser nomeada. Pero a conclusión política é outra: un Estado que institucionaliza a desigualdade entre pobos, practica o apartheid e leva a cabo unha limpeza étnica, nun contexto no que numerosas voces e organismos cualifican de xenocidio o que ocorre en Gaza, non pode ser normalizado. Non esperemos que as urnas israelís o arranxen. Corresponde aos pobos e aos gobernos exercer presión: embargo de armas, sancións, ruptura de relacións e apoio sen ambigüidades ao pobo palestino.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

