Mercadona: o abismo entre o márketing de Roig e a realidade da clase traballadora.
Por André Abeledo Fernández
(Militante comunista, sindicalista da CIG e defensor dos dereitos da clase obreira).
Bombardéannos a diario con notas de prensa corporativas. Os grandes medios de comunicación actúan como dóciles altofalantes de Juan Roig, aplaudindo de forma gratuíta un suposto «modelo de éxito». Fálannos de soldos competitivos, primas millonarias e unha estabilidade laboral idílica. Non obstante, quen pisamos as tendas e organizamos a resistencia sindical desde abaixo sabemos perfectamente que esa fachada é mentira. Tras o márketing agresivo de Mercadona escóndese unha realidade laboral implacable onde os dereitos dos traballadores se erosionan cada día.
Para empezar, falemos da saúde, ese factor do que tanto presume a empresa nas súas memorias de sostibilidade. La realidade nos supermercados da cadea é a de cadros de persoal sometidos a ritmos de traballo asfixiantes que destrozan corpos e mentes. A presión interna para evitar que os traballadores collan baixas médicas é sistemática, mercantilizando a saúde das persoas en favor do beneficio económico duns poucos. O modelo premia o «presentismo» extremo, castigando soterradamente a quen enferma e convertendo a saúde laboral nun luxo inalcanzable.
A conciliación familiar en Mercadona non é máis ca unha quimera ou un mal chiste. Ostentamos o horario anual máis amplo de todo o sector da distribución alimentaria. Os convenios vixentes —esperpentos asinados de costas aos cadros de persoal polos sindicatos dóciles e maioritarios do sistema— blindan os intereses da empresa, non os da clase traballadora. Reducir a xornada por coidado de fillos ou persoas a cargo convértese nunha carreira de obstáculos burocrática e presións psicolóxicas. A flexibilidade sempre se esixe nunha única dirección: do empregado cara á empresa.
Tampouco podemos esquecer a política do medo e os despedimentos disciplinarios arbitrarios utilizados para depurar a quen levanta a voz ou esixe que a lexislación laboral se cumpra. A empresa utiliza a súa maquinaria para amedrentar os traballadores co fin de evitar a organización sindical combativa. Fronte a isto, desde a Confederación Intersindical Galega (CIG) mantemos unha postura firme: estamos en pé de guerra, dispostos a loitar e a non dar un só paso atrás para defender o emprego e a dignidade de cada compañeiro e compañeira.
O libre mercado nada ten que ver coa liberdade, e o modelo de Juan Roig é a proba diso. Esiximos respecto mutuo, que se priorice a saúde sobre os balances financeiros e que a publicidade institucional se traduza dunha vez por todas en dereitos reais nos centros de traballo. Ningunha campaña de relacións públicas poderá tapar a explotación. A dignidade da clase obreira non se compra nin se vende. ¡Saúde e Liberdade!.
André Abeledo Fernández

