Primeiro frear o fascismo, despois reconstruír unha esquerda de clase.
Hai momentos nos que a política esixe ordenar as prioridades, e este é un deles. Antes de discutir como queremos que sexa a esquerda do futuro, temos que asegurarnos de que ese futuro aínda sexa posible. E para iso hai que frear, sen medias tintas, o fascismo, a ultradereita e eses liberais sen empatía nin humanidade que ven as persoas como unha partida máis na súa conta de resultados.
A ultradereita, un equipo de demolición.
Que ninguén se engane: a dereita de hoxe xa non é a dereita de hai vinte anos. Hoxe a dereita é, directamente, a ultradereita. E vén coa picota na man. O pouco que nos queda de Estado do benestar, de dereitos laborais, de sanidade e educación públicas e de xustiza social é, para eles, un estorbo que hai que derrubar. Fano con sorriso, con bandeira e con discurso de odio, buscando un inimigo entre os de abaixo —o migrante, o pobre, o traballador de baixa— para que non miremos cara arriba, cara a onde están os verdadeiros responsables da nosa precariedade.
Frealos non é unha opción ideolóxica entre outras: é unha cuestión de supervivencia para a clase traballadora.
A socialdemocracia só sabe poñer parches.
Pero tampouco nos vale agardar a salvación dos que se presentan como o mal menor. A socialdemocracia non ten solucións para os nosos problemas por unha razón moi sinxela: é sistémica. Forma parte do mesmo sistema que xera a desigualdade e, por iso, como moito, pode poñer parches. Un parche aquí, unha subvención acolá, un decreto que se queda a medias, mentres os grandes poderes económicos seguen intactos, os fondos voitre seguen especulando coa vivenda e as grandes empresas seguen espremendo os seus cadros de persoal.
Dígoo desde a experiencia de quen leva case dúas décadas no mostrador e no comité de empresa: os parches non pagan o alugueiro nin enchen a neveira a final de mes. E quen administra o sistema sen cuestionalo non pode cambialo.
Reconstruír unha esquerda de clase.
Entón, que facemos? Primeiro, pechar o paso ao fascismo con todos os instrumentos ao noso alcance: na rúa, nos centros de traballo, nos barrios, nas urnas. E despois, sen agardar a que ninguén nolo conceda, comezar a reconstruír unha verdadeira esquerda de clase: unha esquerda que non sexa unha axencia de colocación, que non mude de nome cada dous anos para repartirse cargos, que estea organizada entre os traballadores e que sexa quen de defender os nosos dereitos e os nosos intereses sen pedir permiso aos poderosos.
Esa esquerda non se decreta desde un despacho. Constrúese con sindicalismo combativo, con organización nos barrios, con conciencia de clase e con internacionalismo. Constrúese sabendo quen son os nosos inimigos e quen, simplemente, nunca estiveron do noso lado.
A orde das tarefas está clara: frear o fascismo hoxe para poder construír mañá. Nin un paso atrás nin unha ilusión con quen só sabe administrar a nosa derrota.
Até á vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

