Do Hotel King David a Gaza: 80 anos da mesma doutrina de terror
Camaradas:
Hai quen aínda pregunta, con xenuína ou interesada sorpresa, como chegou Israel ata aquí. Como un Estado pode bombardear campamentos de refuxiados, cortar a auga e a comida a toda unha poboación, matar nenos ás centenas e seguir presentándose ante o mundo como unha democracia exemplar. A resposta non está en 2023, nin sequera en 1948. Está en 1946, entre as ruínas fumegantes do Hotel King David de Xerusalén.
Aquel atentado, perpetrado polo Irgún, non foi un exceso illado nin un accidente de guerra. Foi a demostración práctica dunha doutrina: a de que os obxectivos políticos sionistas podían e debían impoñerse por calquera medio, incluídos os explosivos contra civís, os asasinatos selectivos e a guerra psicolóxica. Ideólogos como Menájem Begin ou Yitzhak Shamir —ambos os dous, non o esquezamos, futuros primeiros ministros de Israel— defenderon sen pudor que o terrorismo era simplemente «un medio de combate», desposuído de calquera escrutinio moral. O grupo Lehi, nas súas publicacións da época, chegou a manexar a idea dunha suposta superioridade racial xudía, un dato que debería incomodar moito máis do que incomoda a quen hoxe se rasga as vestiduras selectivamente ante calquera forma de racismo.
Convén dicilo con toda claridade, porque a confusión interesada é constante: falamos do sionismo como proxecto político-colonial, non do xudaísmo como relixión nin dos xudeus como pobo. Foron xudeus antisionistas, contrarios a aquela axenda militarista, quen tamén sufriron a violencia das milicias sionistas nos anos trinta e corenta. O inimigo do sionismo nunca foi só o árabe palestino: foi tamén, historicamente, calquera que se opuxese ao seu proxecto colonial, viñese de onde viñese.
Aquela terra, Palestina, tiña dono. Non era un deserto baleiro nin unha terra «sen pobo para un pobo sen terra», como rezaba a propaganda sionista. O Reino Unido, potencia mandataria, vendeu e entregou o que non lle pertencía. E a ONU, en 1948, cometeu o erro histórico de sancionar a partición e permitir a fundación dun Estado construído sobre o despoxo. Dende entón, van camiño de oitenta anos de ocupación ilegal, de colonización e de sangue palestino derramado.
O que hoxe acontece en Gaza non é un episodio novo: é a mesma doutrina de 1946, actualizada con mísiles estadounidenses no canto de tarros de leite cargados de explosivos. A Convención de 1948 sobre o Xenocidio define este crime como o exterminio sistemático dun grupo humano por razón de etnia, relixión ou nacionalidade, mediante actos que inclúen matar os seus membros, causarlles graves danos físicos e mentais, ou sometelos a condicións de vida calculadas para provocar a súa destrución. Calquera que observe Gaza sen anteollos ideolóxicos recoñecerá nela, punto por punto, esa definición. Negalo non é matiz: é complicidade disfrazada de prudencia.
E mentres tanto, Netanyahu e Trump escenifican a súa pantomima de «plan de paz», unha cortina de fume deseñada para desactivar a solidariedade internacional con Palestina e facernos crer que o xenocidio rematou cando as bombas seguen a caer. Trump non é ningún pacificador: é o gardaespaldas armado do sionismo, o patrocinador da impunidade, un megalómano disposto a incendiar o mundo enteiro por vaidade. Netanyahu e el son a mesma moeda con dúas caras.
Oitenta anos despois do Hotel King David, a doutrina segue intacta. Cambian as armas, cambian os nomes dos primeiros ministros, pero a lóxica colonial e o desprezo pola vida palestina permanecen. A historia, camaradas, non absolverá os verdugos. Tampouco a quen, dende o silencio cómplice de Occidente, mira para outro lado.
Até a vitoria sempre!
André Abeledo Fernández

